Buscar este blog

martes, 9 de enero de 2018

TOPONÍMIA ARQUEOLÓXICA DA MARIÑA DE LUGO.




Realmente o título queda esaxerado se temos en conta do que imos falar neste artigo. Non abordaremos o tema da orixe dos nomes, nin tampouco  mencionaremos tódolos concellos da Mariña. Realmente neste artigo imos sacar á luz unha serie de nomes que teñen un compoñente arqueolóxico en común e que fomos atopando nas nosas lecturas.

Hai máis datos de toponimia arqueolóxica que os que aparecen aquí? Por suposto. Irán aparecendo en posteriores artigos, sempre e cando os atope primeiro.

Vexamos logo esta relación de topónimos arqueolóxicos.

ALTAR.

Barreiros.
Nun apeo de 1589 da parroquia de San Cosme de Barreiros, menciónase a Veiga de Gontorto, onde hai tres terreos “y se dizen daltar”. Outra das testemuñas, ao mencionar eses tres terreos,  di: “mas tiene en dicha Veiga de Gontorto y Altar tres tarreos que se dicen de Altar”.


ARCA.

Barreiros.
En San Miguel de Reinante, nun apeo de 1582, podemos ler como declara unha testemuña que pertence ao Cabido unha leira “en el lugar que llaman Arcas”. Trátase dunha peza de quince celamíns que “testa de la parte de avaxo en la Rivera de la mar o de la otra illargada testa en el rio que viene de Reinante que se dice de Loureiros y de la otra yllargada testa en la beiga de la Lagoa” (fol. 9 v).

Burela.
Nun apeo realizado no ano 1549 podemos ler: “ mas una pieça de heredad grande que esta cabe la dicha iglesia para la parte del Bilar  do Bispo, que testa de una parte en la dicha iglesia e de otra parte en el rio e de otra parte en el çinbro del carballo das furnas e ba por los marcos ab topar  en el marco de la cortiña de Mayor de Burela”.

Cervo.
Na parroquia de San Romao de Vilaestrofe, nun apeo de propiedades realizado no ano 1596, atopámonos cunha finca que está situada “junto a la fuente de Tras la Arca”, de media fanega, testa dunha parte no camiño e noutra en montes.

Foz.
No apeo de bens da parroquia de San Martiño de Mondoñedo (ano 1540) atopámonos co termo Arcavedra.
Na declaración de Gómez Basanta, veciño de San Martiño e de 60 anos, podemos ler que entre os lindes da súa parroquia natal menciona: “bay a dar por ally al Rego de Manente por el camyno e de alli se buelbe arriba por el escayro ao Pico de Castrillon (…) ally se sube ao Pedreyro que esta sobre la Casa Nova de Cardoxe altraveso del monte e desde ally como se va al espiño da Arcavedra”.

Xove.
En Portocelo, nun apeo realizado no ano 1549, vemos como entre as lindes da parroquia, asentada daquela enriba dun castro, aparece: “ba testar en la  pasada del rego que se dize de Rebalde y de alli a la arca  de Portozelo y de la dicha arca viene por los Mortullos a luengo de la heredad de Villachaa y fasta la lajoa que se dize da Barra donde esta una piedra blanca y buelbe otra vez”.

CASTELO

Barreiros.
O mosteiro de Lourenzá realizaba no ano 1536 varios apeos (Lib. 16, parroquias Cedofeita, Piñeira, Celeiro de Mariñaos e Ribadeo), nun deles menciónanse as prazas de Vilamaríz, onde aparece unha peza “de soto que esta al Castelo de Mondigo” (fol. 276v). No mesmo documento, pero no folio 281,  lemos sobre o mesmo souto que estaba “al castillo de Mondigo”.

CASTROS.

Barreiros.
Cando se realiza unha inspección dos bens que o Cabido posuía na parroquia de San Cosme, un 10 de abril de 1410, varias testemuñas declaran: “que todo o termino de Barreiros he do bispo et do Cabidoo, salvo o terreo da voz do Castro que pode levar hun çelamin”. Cal Pardo, Tombo Pechado, nº 482, p. 445.

En 1596  comprobamos como a dignidade episcopal posuía “un prado que esta junto a la mar(...) testa de una parte en el lugar que se dize do Castro” (fol. 165v). Evidentemente para chegar a ese castro hai que empregar un camiño, e así vemos como na veiga de Fontorto a dignidade episcopal posuía unha herdade de catro fanegas “que testa de una parte en el camino que ba para el Castro”. (fol. 166r).

Cervo.
No apeo de 1596 (fol 575) vemos como pertencía ao Cabido unha herdade de 5 celamíns, no sitio coñecido co nome de Senra, que linda co camiño que ven de Castelo para Espiñeirido, vai por un souto ata topar co “marco do souto nobo”, por alí continúa ata tocar no rego de Cervo, fonte de Diego Barba “y de alli ba a la coba dos Castros y fuente da Abrela”.

Castelo. (Cervo).
Nesta parroquia tiña o Cabido, segundo aparece no apeo de 1596, “una casa con sus heredades bravas y mansas y huerta todo junto que esta sita en esta feligresia que se dize la Casa do Castro (...) testa de una parte en el rio de Castelo y de otra parte en la fuente del molino y por alli b apor el camino de carro hasta el rego de Castro” (fol. 585)

Foz.

No apeo de 1540 menciónase varias veces o Castro Grande e o Pequeno, ambos están situados no lugar que se coñece como Pico do Castro, entorno a el tamén nos atopamos coas Veigas do Castro, que serían as terras que descenden a man dereita dende o Pico do Castro ata o Calvario.
Outro castro que se menciona neste apeo é o denominado como Castro da Insuela.
Na declaración de Afonso Liñares,  veciño de Marzán e de 70 anos, podemos ler que na Veiga das Eiras os lindes van: “e desde alli se va por el camyno dentrambalas beygas que son la Veyga del Prado da Lama e la Veyga de Forjan como va topar al Castro de Ynsuela que topa en el mar”.
A mesma testemuña menciona outra propiedade “que dizen la caseria de Marçan que alinda por una parte e va por el camyno de la Carreyra da Veyga que va a topar al mar al tarreo del Castro del dicho monesterio que labra Ares Perez de Mansin que topa en el mar e de otra parte en el camyno que de Forjan va para la aldea de Marçan y un lugar a que llaman la Pena Parda

O bispo Gonzalo Gutiérrez Mantilla aforaba o día 10 de marzo de 1596: “El prado que se llama El Castro da Ynsuela según testa la mayor parte del en la mar y de otra parte en la Lagoa y Areas y en heredad del monesterio de San Martino de Mondoñedo y en heredades de la mesa Episcopal desta ciudad de Mondoñedo y esta sito en la feligresia de Foz que llevara la parte que toca a la dignidad una anega de pan de senbradura poco mas o menos y esta en mistidunbre con el fuero que lleba el comendador Pedro Bermudez desta dignidad y segun que lo llebaba Pedro Nobel el biejo, (…) la dicha heredad y prado aforamos y damos en fuero a vos Alvaro de Moreda, vezino de Santiago de Foz, morador en Villa Juane el dicho prado da ynsuela que se llama O Castro da Ynsuela, según y como ba deslindado por las demarcaciones”.

Lourenzá.

No apeo de bens do ano 1535 da parroquia de San Adrao de Lourenzá menciónase: “el lugar do Castro, con su casa, cortiña, viñas y arboles todo junto”. Fol. 2r.
En San Xorxe do val de Lourenzá atopámonos con outra mención a castro (fol. 23 r.) “la mitad de una leira de medio celemin, en la costa del castro de San Jorge”.
No libro 17 de foros do mosteiro laurentino consérvase un apeo do lugar de Vilatomil, realizado o 4 de outubro de 1527 (fols. 240 v e 241 r). Na declaración de Xoán Vilapol, veciño do predito lugar, menciónanse as testadas deste termo xurisdicional, que comezan un marco situado nas casarías de Arroxo, que pertencían ao mosteiro laurentino, “que entra en la Relleira de Recemill y entre los castros, el uno que dizen de don (1) y el otro que dizen de la cibdad”.

Nois. (Foz).
No apeo de propiedades da catedral, do ano 1596, ao falar da parroquia de Nois, menciónase que na Veiga de Candín está unha herdade donde “dizen Salgueiros”, dun celamín, testa por unha parte “en el camino que biene de Salgueiros para el Castro.

San Martiño de Mondoñedo. (Foz).
 No apeo de 1540, na declaración de Gómez Basanta menciónase unha propiedade do Cabido: “que jaz en la Veyga de Castello cabo del Souto dos Marcos que llevara de senbradura choupin. Yten dixo que tenya el dicho monesterio otra leyra mas abaxo, aos Castros, en la canle que levara medio choupin de pan de senbradura”.
Posteriormente menciona dúas herdades sitas no lugar coñecido como Os Castros “ e le pertenesçia un lugar llamado los Castros otra leyra de heredad que dexo Juan de Manyn”.

Vilaronte. (Foz).
 Na documentación custodiada no Arquivo Catedralicio, referente á parroquia de San Martiño (Caixón 1, Mazo 14) existe un documento (nº 36) no que o bispo Alexandro Sarmiento de Soutamior, no preito que se seguía sobre o Priorado de San Martiño e dos seus privileixos rememora as distintas regalías que a igrexa de Mondoñedo recibira dos reis. Unha delas é a realizada polo: “Rey don Fernando en la donazion que hizo al Obispo don Pedro por los años de 1163 del castro de Villaronte por estas palabras= in restaurationem eorum quo supradicta Ecclesiae violenter ablata fuerun que ulterius restaurare non posumus”.

No apeo de 1596, falando de Vilaronte (fol. 151 v) menciónase unha leira pertencente ao cabido. Nas súas testadas figuran: “de una parte en el camino y de otra parte en la chousa de Gaspar Maldonado y de otra parte en el camino franzes y de la otra parte en el tarreo de Juan Ramos el qual esta en la veiga dos castros”.
Sopesamos a posibilidade, tal vez máis axeitada, que estes castros mencionados sexan os de Xinzo, xa na parroquia de San Martiño.


COVAS.



Barreiros.

No lugar de Escotaxugos o Cabido posuía, o 10 de abril d e 1410, o Casal de Fábega e o casal das Leas, “item huna leira que levara medio çelamin, jaz aa Cova d-Abril e fere enna antigoa”, Cal Pardo; Tombo Pechado.nº 482 p. 446.
No apeo de 1589, falando da parroquia de Benquerencia dise: “Mas tiene el Cavildo un tarreo de eredad en el lugar do Freixo a donde dicen Las Folgueiras que tenia unas cuebas grandes por el qual le llaman de aquel nombre y dize el testigo que oito decir a algunos que este tarreo era deel dicho Cavildo pero de cierto no se save.

O mosteiro laurentino aforaba o 30 maio de 1604 (Libro 73, fol 282 r.) a don Xoán Pardo de Aguiar unha serie de propiedades sitas en San Miguel de Reinante: “con mas otro tarreo de heredad en la Cova de Piñeredos que llevara de sembradura dos ferrados”.

Cervo.
En 1596, no lugar de San Cibrao, o Cabido tiña unhas fincas a medias “con los herederos de Vasco Lopez y de los Paleos y otros herederos, la mitad del monte da Cernada y Sabuguedo segun se demarca por las demarcaciones siguientes, comenzando por el marco de San Gillao y ba derecho al marco da Coba do Ouro que esta avaxo del camino que biene de Trasvar y ba para Senrra y de alli ba ha dar en la Pena Molida y de alli biene a la Cruz do Lodairo y de alli biene por el rego avajo hasta dar en el marco de San gillao

Lourenzá.

No apeo de bens de 1535 pertencente á parroquia de Santo Tomé hai varias pezas de leiras no lugar coñecido como As Covas (fol 30 r).
No libro 17 de foros do mosteiro de Lourenzá (fol 274 r e v ) hai un apeo do ano 1537 sobre os lindes de Orrea e Trapa no que podemos ler “a la caveza del rego de Teyxido abaxo fasta dar en otra antigua  e rego que biene de la outra parte de la fuente de Coba de Ladrones que tambien biene agua de la hermita de la Cadeyra... e de alli a la Pena Serrada e a la Cabeza de la muger muerta, donde oyo dezir siempre qu en la cabeza del camino françes que viene de Ribadeo para la hermita de la Cadeyra a Lorençana ...del dicho marco e cabeza de muller muerta oyo dezir sienpre seguia derecho a la Cueba de la Sierpe y de la dicha Cueba de la Sierpe a las Cruçes de la Cadeyra”.

No ano 1585 o mosteiro laurentino afora unha peza de herdade sita no monte “en el lugar que dizen la Coba de Ladrones”(Libro 97, fol. 160). Outro termo toponímico significativo, sito tamén neste concello, atopámolo no ano 1548, cando o abade de Lourenzá, Pedro de Guimerones, afora a Francisco Fernández, veciño de San Xusto de Cabarcos, e á súa dona, Tareixa Afonso, unha peza de viña “en la chousa donega”, que estaba situada “donde dizen el Campo de la Berdad”.


San Martiño de Mondoñedo. (Foz).

No apeo de 1540 lemos que no “ dicho lugar de Villaacendoy, que llaman da Cova de Fojos, de llevar 4 ò 5 toledanos.Que pertenecia al mismo Monasterio en el da Cerbiceria a la entrada de Villacendoy una pieza de heredad de 5 ò 6 toledanos y 3 jornales de viñas”.

CORPOS SANTOS.



Na visita pastoral xirada o 4 de xaneiro de 1479 (Cal Pardo, Tombo Pechado,  nº 485) tamén se menciona unha herdade coñecida como “dos Corpos Santos, que llebaba seys çelamines de trigo de sementadura con toda la heredad que jaz cabo de dicho Casal”.
Tamén se menciona o lugar de Xabariz, no que  había un terreo que lindaba dunha parte con propiedade do bispo “y en camino que viene de Vila de Ylle para do dicen el Cuerpo Santo”. Nese mesmo apeo as testemuñas mencionan a Veiga de Moreda e a de Gontorto, ambas estaban divididas por unha sebe “y desde alli va a dar a la mortulleira que son junto arriva al camino que viene de Villa da Ylle para donde dicen los Cuerpos Santos para la mar”.
Outra testemuña do mesmo apeo di que na Veiga de Moreda hai un casal vello que linda co Rego de Lopo “et por el dicho rego abaxo hasta dar en la mar y todo o longo de la mar hasta dar y topar en una leira deel obispo de Mondoñedo que esta baxo de dicho casal que se dice das  Figueiras y derecho a donde dicen o Corpo Santo y va por toda la orilla de la mar por junto al dicho coto Mogoeiro hasta topar en la Veiga de Gontorto”.


CRUZ DO LOBO.

Na visita pastoral xirada o 4 de xaneiro de 1479 (Cal Pardo, Tombo Pechado,  nº 485) menciónase unha serie de casais pertencentes ao Cabido. Un deles é do coñecido como Fabal Donego, e dentro del hai varios terreos que labra Xoán de Moreda. Un deles é un de 5 celamíns que linda dunha parte “por la carreira que vay para Moreda et commo viene para la Cruz da Loba e de otra parte topa en la Lagoa de Viladaelle et la dicha lagoa jaze en herdade da See et toda jaz çercada de herdadd da See et de otra tornase a la Carreira do Lobo
No apeo de bens de 1589 hai outra referencia a unha herdade sita na Veiga das Leiras, que “testa en el camino frances  y en eredad de el dicho Cavildo y por otra parte en comaro y eredad de el Capitan Santiso en dicha eredad de Fernando das Leiras y en eredad de Juan do Couto de Rivadeo y en la congosta de Carros que llevara tres celemines de sembradura que se llama el tarreo do lobo”.


MALATES.

Cervo.
Referencia a Malates atopámola nun apeo de 1596, que referíndose á parroquia de Vilaestrofe, e máis concretamente á chousa da Senra di que lindaba “en el camino do Carvallo dos Malates”.

Lourenzá.
No apeo de 1535 de San Xorxe do val de Lourenzá lemos que ao falar das linde da Fonte de Santo Tomé “saliendo al camino real que baja de la Cabana de la Malata para Villamea”. (foto 166).

PENAS.

PENA SOBRE POSTA.

Burela
Sobre esta Pena xa temos publicado un artigo o día 5 de abril do 2017, titulado a Pedra do Sol. Información que sacáramos da obra de Ricardo Pena titulada: Burela. Apuntes históricos y crónica del siglo XX.
Como puidemos ver no Catastro do Marqués de la Ensenada aparecía o termo de Pena Sobreposta como unha das lindes de Burela, en concreto no linde coa parroquia de Vilaestrofe. Pero ao consultar os lindes desa parroquia no mesmo catastro a Pena Sobreposta transformábase en Pena Moura.
Todo o mencionado acontecía en 1753, porque no ano 1596, no apeo dos bens da Dignidade, ao facer mención das propiedades que esta posuía en Vilaestrofe dise:“una pieza de heredad mansa y brava que esta sita en la feligresia de San Romao en el lugar que se llama Toxeiras que llebara de sembradura toda ella cincuenta celemines de pan, poco mas o menos que esta y se demarca por las siguientes demarcaciones comenzando en la Pena Sobre Posta y beniendo por el chao da Pena Nabal y por alli ba al viso do Chao de Carril y por alli ba dar a la Piedra Chantada y al Rego da Bidueyra y por alli al rego Teixeiro y a la Pena Teixeira y buelbe otra vez  a la Pena Sobreposta primera demarcacion”.(Fol. 578).


PENA CHANTADA.
Foz
No apeo de San Martiño, de 1540, declaraba Roi Pérez, cura párroco de Foz, de 66 anos, quen afirmaba que en Marzán o Cabido tiña unha serie de propiedades: “e de otra parte topa en el camyno que va para la aldea de Marçan e en heredad de la caseria que fue de Juan Ares, que lieva Roi Afonso de Vibeyro fasta topar en una piedra grande que esta chantada entre heredad del dicho monesterio e del dicho Roi Afonso e como va derecho del coto de Liñares para avaxo  e con la Telleira”.
No mesmo apeo, pero na  declaración de Pedro Mariño de Lobería, veciño de Marzán, menciona a Veiga do Castro “que este testigo tiene aforada e asi mysmo se va a derecho para el comaro e carreyra do Castro e syenpre oyo dezir que hera por una piedra grande de ferral que esta en el comaro arriba en medio del comaro e que alli la dicha piedra alli chantada e lo oyo dezir a Juan de Vares e a Juan Lopez de Marçan que hera por ally”.

Lourenzá.
No apeo de 1535, da parroquia de San Adrao, vemos como aparece o termo de Pena Chantada, pero descoñecemos se fai referencia a un antigo menhir ou ben a un marco territorial. Sexa como fose, no folio 3 recto podemos ler: “en la piedra Chantada, una pieza de heredad que tenia camino de pies que hiva a la Iglesia”. Esta mesma pedra atopámola no folio 5v, onde podemos ler “otro pedazo grande de soto que va sobre la dicha Piedra Chantada”.

Vilaestrofe. (Cervo).
Ver o que temos escrito no apartado de Pena Sobreposta.

PENA DA MOURA.

Cervo.
No apeo de 1596 (fol 575) vemos como pertencía ao Cabido unha herdade no sitio coñecido co nome de Senra “y chousa de Nardion”. Esta  peza estaba no pico da Fraga Redonda, lindaba co marco “das golpilleiras”, rego de Nardión, herdades das Pilladas e por alí baixaba ata “la casa da Fraga y por alli ba testando hasta las heredades da Pena da Moura y fuente do rego”.


A medida que vaiamos lendo iremos atopando, iso espero, máis datos de documentación arqueolóxica que servirán para un novo artigo.


1 comentario:

  1. Moi interesante, coma sempre. Estaría ben situalos sobre o plano...

    ResponderEliminar