Buscar este blog

miércoles, 19 de octubre de 2016

A PESTE NA MARIÑA DE LUGO NO SÉCULO XVI.


 


En anteriores artigos temos visto como por mar nos chegaron mercadorías,  consecuencia inmediata do comercio mantido, mais tamén chegaron alimentos de primeira necesidades nas épocas de carestía, abondosas por outra parte.
Tamén o mar nos ten feito regalos de vez en cando, aquelas baleas varadas das que xa temos falado ou os  restos de naufraxios que mitigaban a constante fame na que viviron os nosos devanceiros.
Pero por mar tamén chegaron os nosos inimigos, os temidos piratas escandinavos (viquingos ou normandos, como lles queiramos  chamar) e con anterioridade a eles os, non menos temidos, piratas hérulos.
Mais polo mar tamén nos chegaron as pestes, convertendo, en varios casos, a nosa Mariña en punto de inicio das zonas contaminadas.
Os gobernos municipais intentaron solucionalo problema dos contaxios que nos chegaban polo mar afastando os barcos nunha especie de corentena da que non podían saír ata que as autoridades sanitarias municipais os autorizasen. O lugar elixido polo concello de Foz foi a zona coñecida co nome de Punta da Arnela.
Sobre as distintas epidemias que a nosa Mariña ten padecido, cólera morbo, febres tifoideas ou gripe, falaremos en posteriores artigos, reservando este para as pestes que nos asolaron no século XVI.
Descoñecemos dende cando padecemos este tipo de epidemias, pero debe de remontarse bastante no tempo, segundo o amosan as distintas pegadas toponímicas que nos podemos atopar na documentación. Así temos hospitais para lazarados en Ribadeo e Viveiro, os grandes portos comerciais medievais, e tamén en Mondoñedo, centro eclesiástico e posteriormente administrativo a nivel provincial. Os lazarados eran aqueles enfermos contaxiosos que recibían acubillo e comida en lugares afastados da aglomeración urbana e próximos a regatos. Estes enfermos tamén reciben o nome de Malates, procedente do termo francés Malade, e así nos atopamos co emprego do termo Malataría para referirse aos hospitais de lazarados. En Foz, pegado á desembocadura do rí Centiño atopámonos cunha zona á que, a pesar do paso do tempo, aínda se a coñece co nome de Malates.

A epidemia da segunda metade do XVI faise máis virulenta no noso país por afectar a  unha poboación famélica.
Se ben os brotes epidémicos de  1563/66 non afectaron a Mondoñedo nin a Viveiro si semella probable que Ribadeo padecera a pestilencia, Pegerto Saavedra menciona un documento do consistorio ribadense relativo á necesidade de importar pan nos anos 1563 e 1566, se ben “se aludía en este último año al “tiempo de la pestilencia”; al año siguiente se hicieron velas en este puerto, continuadas hasta 1570, pero no existen indicios de que la peste de 1568/69 afectase a la villa”.[1]

Con anterioridade á chegada deste epidemia varias vilas da Mariña tomaran medidas para evitar o contaxio. No ano 1567 ao ter coñecemento de que a peste asolaba Xixón  o consistorio ribadense decide implorar a axuda divina e prepararse para evitalo contaxio: “hicieron rogativas públicas con mortificación y penitencia y se restablecieron las guardias y velas de día y de noche”.[2] 

Dous anos despois e ante a noticia de que a peste está asolando Betanzos o consistorio decide redobrar o número de persoas encargadas de vixiar a muralla, tamén se ordena sinalar que a vila estaba libre de contaxio: “se pusiese una bandera blanca en el asta de la Torre nueva”.

En 1576 a peste asolaba San Cibrao, Cervo e Burela. No resumo das actas municipais de Ribadeo podemos ler que no ano 1578 “continuaba la peste desolando muchos lugares de la costa y continuaba la vigilancia en la villa para evitar toda comunicación con los infestados a cuyo fin habian cerrado todas las puertas, escepto dos. En estas habia guardias asalariados. Fueron inútiles estas precauciones: la peste apareció a la vez en los arrabales de Porcillán y Cabanela, y fueron tantas las víctimas que fue preciso recoger por las calles ropas de los vecinos para amortajar á los que morian[3].

En 1598 a vila de Ribadeo verase novamente atacada pola peste. Para o profesor Pegerto Saavedra a ausencia total de plenos consistoriais entre o 20 de xullo e o 23 de decembro dese ano é unha proba irrefutable da presenza do contaxio na vila.  O mesmo profesor exemplifica os efectos devastadores da pestilencia, dese ano de 1598, na parroquia da Devesa na que o cura párroco, ao inicio do libro de falecidos, anota: “”comenzo la peste a nuebe de agosto, año 1598”, escribe “y desde dicho día asta el primero de henero de 99 murieron los siguientes”: y anota a continuación partidas colectivas como “tres hijos de Lope Méndez de Rinlo; dos hijos de Diego de Lousas; María Fernández, hija de Alonso Yáñes; dos criadas de la sobre dicha”, y así hasta unas 120 personas”.[4]


En Viveiro “fue la peste bubónica, desarrollada desde 1569 a 1576, una de las que causaron mayores estragos en Vivero y lugares cercanos a la villa”[5]. Pegerto Saavedra é da mesma opinión, se ben matizada, pois coida que as medidas tomadas polo consistorio serviron para mantela pestilencia lonxe da vila durante tres anos (1569/72).

Na vila do Landro ao recibila  noticia do contaxio na vila de Betanzos  adoptan medidas moi semellantes ás de Ribadeo: “para obiar que no se pegue la dicha pestilencia en esta villa mandaron que aya guardas que no consientan entrar en esta villa nynguna persona de la dicha ziudad de Betanzos[6].
Esta medida, tomada o día 23 de xullo, sofre unha serie de variacións tendentes a reforzar o control sobre a vixilancia, e así o día 10 de novembro deciden colocar nas portas da vila a un fidalgo acompañado de dous homes, este grupo tería como primordial función a de evitar a entrada de xente que puidese traer a enfermidade.

De nada serviron as medidas e o 17 de decembro aparecen varios veciños afectados, por esta razón o concello ordena pechar as portas da cidade “”y sólo estuviesen abiertas las del Puente y Cadafalso, en las que se mandó establecer una guardia, para que nadie entrase procedente de dicha ciudad (estase a referir a Betanzos) o que hubiese pasado por ella, prohibición que luego se extendió a los que viniesen de Pontedeume y Monforte[7]. Pegerto afirma que aparte da decisión de pechalas portas adoptan outra como “que se ponga una bandera en la ermita de San Lázaro y que aya allí un guerda”.

O día 24 dese mes de decembro a epidemia xa está causando estragos na vila de Celeiro, razón pola cal o concello de Viveiro ordena pechar as portas tanto de día como de noite  e impedir a entrada a calquera persoa. Así mesmo toda persoa que quixese saír da cidade debería xurar que non se dirixiría a zonas contaminadas, sempre e cando quixese poder volver a entrar na vila.

Así aguantou Viveiro ata o día 4 de abril de 1570 en que os casos de apestados comezan a aparecer dentro do recinto amurallado. Segundo nos relata no seu libro Donapetry no mes de xullo de 1572 “murieron un clérigo francés, dos mujeres y un niño, y el Municipio se concertó con el médico, Licenciado Gaspar de Faria, para que atendiese a los atacados, que debían de ser aislados en la casa de Fernando Cao, sita en el lugar del Real”.

Como estas medidas non tiveron o efecto desexado o consistorio trasladará as súas reunións (as comprendidas entre os meses de Setembro a Xaneiro) a Celeiro, agora libre do contaxio. Tamén adopta o consistorio a medida de socorrer económicamente á vila de Viveiro “porque en ella quedaban muchos pobres y otras personas”.

 En 1573 aparecen casos de apestados nos concellos de Xerdiz, Miñotos, Riobarba así como noutras parroquias do val de Viveiro.

No mes de xullo do ano 1576 o consistorio ordena pechar na súa casa, prohibíndolles a saída, polo menos durante trinta días, a Gonzalo da Velaira e aos membros da súa familia, por estar contaxiados. Nada conseguiron e o contaxio estendeuse tanto pola vila como “por Boimente, Burela, Cervo, Cillero, Galdo, Gerdiz, Landrove, Miñotos, Negradas, Riobarba y San Ciprián”.
Queda patente o efecto desta epidemia na facultade real que a vila de Viveiro recibe ( 16 de novembro de 1576)  para poder mercar trigo e centeo procedentes do estranxeiro: “la villa de Vivero ques en el Reyno de Galizia nos hizo relaçion dixiendo que de muchos años a esta parte en la dicha villa y reyno avia avido mucha falta de pan, de tal manera que habian muerto muchas gentes de hambre y de peste[8].

No ano 1598 outra epidemia asola as terras de Betanzos e a nosa terra mariñán, segundo Donapetry a vila de Viveiro tivera sorte, pois quedou indemne, non así as poboacións do Valadouro, Ourol e Xerdiz.

Pegerto Saavedra, no seu traballo dedicado á provincia de Mondoñedo, aporta datos sobre as causas que motivaron que Viveiro quedase libre de contaxio no ano 1598; para el as medidas tomadas, como pechar as portas, limpar as rúas os sábados ou facer pola noite fogueiras nas que se queimaba loureiro e outras herbas aromáticas, conseguiron o seu fin, a peste non pasou a través das portas de Viveiro.

Tal vez unha medida que nos resulte curiosa é a que toma o consistorio viveirense o 5 de decembro de 1598, destinada a evitalo contaxio e así vemos como permiten aos veciños “de Celeiro para que pudiesen vender su pescado a los arrieros: ir solamente afuera del puerto lo necesario para venderlo, no juntarse con los arrieros, no echarles el pescado en sus cestos, sino en el suelo, y depositar el dinero recibido en vinagre o en algas[9].

 Por outra banda en Mondoñedo a situación tamén foi bastante complicada e así vemos como no ano 1572 a cidade estaba atacada pola peste, polo menos esta será a escusa que Ambrosio de Morales argumenta para desprazarse a Vilanova de Lourenzá e non a Mondoñedo.

Outro dato que constata o que acabamos de dicir prodúcese o  día 15 de outubro de 1572, momento no que o Cabido mindoniense concedía un permiso de trinta días a tódolos cóengos que permaneceran na vila mentres a peste asolara a cidade, tamén fai referencia que moitos dos cóengos se ausentaran cando apareceran as primeiras noticias de peste.[10] Un exemplo destes agraciados é Fernando Marqués, así nun documento datado o 31 de xullo de 1577 dise que o Cabido decide falar co señor bispo para “pedirle que, en el caso de adjudicar alguna escribanía, agraciase con una de ellas a Fernando Marqués, habida cuenta de lo mucho que este había trabajado en el tiempo de la pestilencia[11].

Este Fernando Marqués é o que sofre un ataque por parte dos homes do abade de Lourenzá. As actas capitulares dese ano anotan que o 10 de outubro de 1572 o Cabido outorga poder a Xoán vilar, Baltasar Álvarez e Martín Alonso”procuradores en la Real Audiencia del Reino de Galicia y querellarse con Alonso López, merino de Villanueva de Lorenzana, y demás inculpados, por haber quebrantado la jurisdición de este Obispado y haber entrado con la vara alzada en el campo de Lindín y junto al puente de Brea y haber hecho autos de justicia y haber acometido, con gente armada, a Fernando Marqués, Teniente Alcalde Mayor de dicho Obispado de Mondoñedo, y a los que con el iban causándoles heridas y lanzadas e impidiendo la entrada en la dicha ciudad de pan, vino, carne, pescado, sal y otro mantenimiento para el sustento de los vecinos de dicha ciudad, alegando que habia peste en ella y llevando a Villanueva de Lorenzana todo ello a un mercado que había pretendio hacer el Abad y el referido merino en dicha villa". 12]

En 1578 a cidade volverase a ver atacada pola peste e así o 27 de outubro o consistorio ordena, tendo en conta que a peste estaba na cidade de Santiago, que “los vecinos de esta de Mondoñedo, entre sí hiciese la guardia que en semejantes casos se acostumbra”.[13]
No Cabildo realizado o día 21 de xaneiro de 1579 os cóengos dan conta da existencia da peste nas proximidades da vila de Vilalba.

Entre os meses de agosto e novembro de 1598 vemos como a peste volve a asentarse na cidade da Paula e así se constata nunha reunión do Cabido do 7 de agosto. Nela levábase a cabo a votación para elixir ao cura párroco de San Bartolomeu de Corbelle, os cóengos tiñan que vir votar e na acta capitular anótase que “dejaron entrar al canónigo Cartas y al racionero Castillo, a pesar de ser sospechosos de “contaminacion de peste”, pero los mandaron salir inmediatamente”. Noutra acta do 12 de agosto tócase o tema da elección de Maxistral, para levala acabo había que realizar unha votación por parte dos cóengos e o Cabido decide non aumentalo prazo da votación  “a causa del rumor de peste que había en la Ciudad y sus arrabales[14].

O día 16 de outubro vemos como o Cabido encarga ao cóengo Miramontes a tarefa de “vigilar la Puerta Nueva durante todo el tiempo que hubiere peste[15]. Outra medida, aparte de pechalas portas e vixialas, foi a de suspender as actividades do Seminario e así o Cabido, en sesión do 20 de outubro, ordénalle ao cóengo Calonge “cesase en su cargo de leer a los estudiantes, a causa del rumor y peligro de la peste, se tenia sospecha de que estaban afectados de dicha peste algunos estudiantes[16].

Sirvan estas catro pinceladas para amosar o cadro de morte e devastación que a peste trouxo á nosa Mariña no século XVI.





[1] Saavedra, Pegerto. Economía, política y sociedad en Galicia. La provincia de Mondoñedo. 1480 – 1830, p.98.
[2] Apuntes sobre Ribadeo, páxina 39, resumo do ano 1567.
[3] Apuntes sobre Ribadeo, p. 49, resumo do ano 1578.
[4] Saavedra, Pegerto. Opus cit., p.100.
[5] Donapetry Yribarnegaray, X.: Historia de Vivero y su concejo, p.218.
[6] Saavedra, Pegerto. Opus cit., p.98.
[7] Donapetry Yribarnegaray, X.: opus cit., p.218.
[8] García Oro, X. e Romaní, M.: Vivero en el siglo XVI, p. 198, doc. 86.
[9] Saavedra, Pegerto. Opus cit, páx.100
[10] Cal Pardo, H.: Mondoñedo. Catedral, ciudad, obispado en el siglo XVI. Documento 522, páx107.
[11] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 535, p.111.
[12] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 521, p.107.
[13] Saavedra, Pegerto. Opus cit, páx.99.
[14] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 1192 e 1194, p.244 e 245.
[15] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 1207, p.247.
[16] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 1247, p.257.

No hay comentarios:

Publicar un comentario