Non pretendemos con este artigo facer
un ensaio sobre a emigración mariñán do século XVII, tan só pretendemos dar algúns
datos, pequenos retallos, sobre eses homes e mulleres mariñáns que un día, ben
polo sentimento de aventura, que tantas veces nos votan en cara, ou pola
necesidade de buscarse a vida,marcharon desta nosa terra. Descoñecemos se
retornaron ou non, pero para sabelo deberíamos de buscar nos libros de
defunción das parroquias aquí mencionadas, aínda que esta labor, aparte de
ardua, semella bastante infrutuosa.
Para realizar este tema empregamos
como fonte documental primaria a páxina pares.mcu.es, en concreto a
documentación que se garda no Arquivo Xeral de Indias, no seu apartado de
Contratación.
A primeira referencia que atopamos
data do ano 1604 (Contratación. Exp.
5281, nº 72, 6 de marzo) e nela o licenciado Antón de Quiroga solicitaba
autorización para poder pasar ao reino de Nova Granada. Esta autorización debería
estenderse a tres criados que o acompañaban, eran estes María Pimentel, filla de Xoán de Castro e
Sabela Pimentel, veciños de Mondoñedo; Antón Márquez, fillo de Fernán Márquez,
natural de Samarugo e Marina Fernández Márquez, filla de Álvaro Márquez e de
Leonor de Losada, veciños todos da parroquia de Santo Acisclo. Sobre estes
criados, dos que tan só sabemos o seu nome, coido que o apelido de Antón e
Marina debe ser Marqués e non Márquez, pois o primeiro deles era bastante
abundante na nosa Mariña. Na documentación que se garda no Arquivo Xeral de
Indias, e que podemos consultar en pares.mcu.es, podemos ver como no interrogatorio se pregunta si: “ saven que dicha Marina Fernandez Marques,
hija legitima y procreada de legitimo matrimonio de Albaro Marques, vezino de
San Acisclo deste obispado de Mondoñedo, y de su legitima muger y es prima del
dicho Procurador, hijos de hermanos”.
Nove anos despois, en 1613,
solicitaba licenza para pasar a Zacatecas don Francisco de Castro San Isidro,
para exercer o cargo de factor e veedor da Real Facenda de Zacatecas. Ía
acompañado da súa dona e dos seus tres fillos así como dunha criada natural de
Madrid e doutro criado, Pedro Rodríguez Bermudo, fillo de Xoán Rodríguez da
Granda e María López, todos veciños de Cabarcos. (Contratación. Exp. 5332, nº 22).
En 1618 solicitaba autorización
para pasar ao Perú o cóengo da catedral de Trujillo don Gregorio Juín de
Pedrosa, ao que acompañaban dous criados, un deles era Domingo Díaz Alfeirán,
natural da cidade de Mondoñedo, fillo de Lois de Pena e María López. (Contratación. Exp. 5360, nº 71 S).
En 1622 solicita autorización para
poder pasar a Nueva España, en calidade de criado, Antón Legazpi e Río, veciño
de San Martiño de Mondoñedo. Eran seus pais Alonso de Legazpi e Berenguela
López de Río. O pai era un fidalgo que, procedente de Vilanova de Lourenzá,
acabará asentándose en San Martiño. Súa nai era filla de Diego de Río, o novo e
de Inés Álvarez, ambos residentes na casa torre de Río, na parroquia de San
Martiño. O expediente xenealóxico que Antón Legaspi tivo que presentar fora
redactado “en el
coto de Ferreira de San Martino de Mondoñedo y jurisdicion de don Lorenço de
Moscoso”, o día 15 de marzo de 1621. (ES.41091.AXI/16419//PASAXEIROS,L.10,E.3319, 6 de xuño de 1622).
En 1625
a Casa de Contratación informa sobre os bens que lle quedaran ao xeneral don
Xoán Pardo de Losada e Quiroga, natural do val de Cabarcos, veciño de Manila e
encomendeiro en Cuyo. Tralo seu falecemento en Manila ábrese o testamento no
que deixa unha gran cantidade de bens tanto para a familia como para fundacións
de misas. É tal a documentación que este testamento aporta que merece un artigo
aparte.
O día 28 de abril de 1634 solicitaba autorización para poder pasar a Indias don Antón de Acuña
e Cabrera, capitán e sarxento maior que fora do presidio do Callao, quen pretendía
pasar ao Perú acompañado de varios criados, un deles era Diego Sánchez de
Moscoso, fillo de Alonso de Río e Cordido e Catarina López Valmaior. (Contratación. Exp. 5415, nº 87, 28 de abril de 1634).
Era este Diego Sánchez veciño de
Fazouro, feito que podemos afirmar grazas a unha documentación que sobre a
fundación da capela da Concepción de Fazouro me pasaron.
Na mencionada documentación
podemos ver como o presbítero Alonso de Río e Cordido e Aguiar fundaba unha capela
no mes de abril de 1690: “Fundazion.- En la feligresia de Santiago de
Fazouro, jurisdizion de Nois, a quinze dias deel mes de Abril de mil
seiscientos y noventa años en presenzia de mi escrivano e testigos, pareszio
presente el Lizenciado don Alonso de Rio i Cordido y Aguiar, clerigo presbitero
residente en la dicha feligresia de Fazouro y lugar que dizen do Castiñeiro, e
dijo que por quanto de servizio de Dios nuestro Señor, y de la Santisima y siempre Virgen Santa Maria su Madre Señora y
abogada nuestra para gloria y alabanza
suia y de sus santos y vien de las almas y aûmento deel culto divino, tomò por
su devozion el hazer y edificar una ermita deel nombre y adbocazion de Nuestra
Señora de la Concepcion
y deel Glorioso Señor San Yldefonso, Santo de su nombre, en el lugar y junto al
Camino publico donde dizen âbaesta y està una cruz, termino de dicha feligresia
de Fazouro, Jurisdizion de Nois; obispado de Mondoñedo, Reino de Galizia en
medio de las dos Aldeas de Fazouro y Lousada”.
Para os reparos que a capela ía
necesitar o presbítero deixaba unha serie de bens que lle tocaran en herdanza
de seus pais:” y por otra en eredad de
Domingo Sanchez de Moscoso, todos los quales dichos vienes declarados dicho
otorgante dijo tocarle y pertenecerle por erencia de Alonso de Rio y Cordido y
Cathalina Lopez Valmayor , sus padres, difuntos, vezinos que fueron de dicha
feligresia de Fazouro”.
Pode pensar o lector que non se
trata da mesma persona, que o Diego que aparece na documentación da Casa de
Contratación non é o Domingo que aparece na documentación de 1690, pero
recapitulemos, tanto Diego como Domingo ou Alonso de Río son fillos de Alonso
de Río e Cordido e de Catarina López Valmaior, así que si non se trata da mesma
persoa polo menos será irmán de ambos, de igual maneira que o son Catarina
López de Río e Inés López Valmaior, ambas fillas dese matrimonio e nadas na
parroquia de Fazouro.
En 1686 solicitaba licenza para
pasar a Nova España don Melchor Portocarrero Laso de la Vega, á sazón virrei de
México e conde da Monclova, ao que acompañaba a súa dona, os fillos varios
secretarios e unha ampla relación de criados, nela atopamos, xusto debaixo do
negro escravo chamado Domingo de las Nieves a Pedro Martínez, natural de
Santiago de Sargadelos.
Dous anos despois, en 1688,
solicita permiso para pasar a terra firme o gobernador e capitán xenral de
Cartaxena de Indias, don Martín de Ceballos y la Cerda. Na solicitude tamén se
inclúen a esposa, o fillo, un criado de Sevilla, outro de Castro Urdiales, unha
criada de Ayamonte e por último un criado chamado Bernabé Freire de Andrade,
natural de Foz, fillo de Alonso Freire de Andrade e de Xoana López. Na
información que o documento aporta podemos ler: “ Bernave Freire de Andrade, natural de la feligresía de Santiago de Foz en
Galizia, hijo lexitimo del matrimonio de Alonso Freire de Andrade y de Juana
López, sus padres, todos los quales an sido y son christianos viejos, limpios
de toda mala raza de moros, judíos y nuevamente combertidos a nuestra fe
católica, no castigados ni penitenciados por el tribunal del Santo oficio”.
A documentación tamén aporta
información física de Bernabeu “de edad
de veinte y seis años pelinegro arrugas naturales en la frente y todos tres son
solteros”.
Nada ten que ver co anterior un
tal Francisco Freire de Andrade, natural de San Sadorniño, que solicitara
autorización para ir a Guatemala como criado do fiscal Xoán Maldonado Paz. A este acompañábano catro
dos seus fillos, nados do matrimonio entre Xoán Maldonado e Berenguela López de
Moscoso e Río, esta última natural da parroquia de San Martiño de Mondoñedo. Sobre
este matrimonio falaremos nun posterior artigo.
Neste mesmo ano, 1686, e ata 1697
se prolonga un preito polos bens que quedaran de Diego Filipe López. Era este
fillo de Gabriel López e Inés Fernández e veciño de San Miguel de Reinante.
Descoñecemos a que idade, pero sabemos que emigra da súa parroquia natal ata as
minas de Sombrerete (estado de Zacatecas, México), nas que acaba falecendo. Os seus herdeiros
loitarán pola herdanza, feito que alonga no tempo o preito. Entre os implicados
na herdanza aparecen Antía Fernández, veciña de San Miguel, Gaspar López,
veciño de Vilaframil, ambos irmáns de Diego Felipe. (Contratación. Exp. 564, nº 1. R2).
Santiago García, marido de Antía
Fernández de Moreda, solicitara, tanto no nome da súa dona como no de “Gaspar Lopez Bolaño, vezino del lugar de Billaframil,
feligresia de Santa Olalla de la Devessa, del condado de la Villa de Rivadeo” por escrito unha reclamación sobre os bens
de Diego Felipe, que na documentación era definido como “mercader de Sombrerete”. Os bens do finado, que “binieron a esta Real Cassa en los navios de
azoges”, baixo o cargo do almirante D. Francisco Navarro, ascendían a unha
cantidade de 766 pesos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario