Buscar este blog

sábado, 23 de abril de 2016

CASAS FIDALGAS DE FOZ. SIEIRO. MARZÁN.






En Marzán hai dúas casas brasonadas, a que coñecemos como A Casa Grande de Marzán, vinculada á familia Rebellón e a casa de Sieiro, sita no lugar do mesmo nome e vinculada á familia dos Pillado.
Nesta última podemos ver un escudo coa seguinte lenda: “Estas armas y apellidos son de los Pillados Caos de Cordidos i Ribadeneiras. Ano de 1761.
Polo de agora, polo menos que eu coñeza, este escudo foi estudado dúas veces, unha por  Vázquez Seijas e outra por Antonio Yebra.
Vázquez Seijas incluíao na súa monumental obra titulada Fortalezas de Lugo y su Provincia, no volume VI, páxina 129 e seguintes. Esta investigación resultou ser bastante pouco profunda, na que comete o erro de confundir o apelido Cao, que figura no escudo, ao que el traduce como Cavo.

A segunda obra é a escrita por Antón Yebra de Ares e titulada Pazos y señoríos de la Provincia de Lugo, nela atopámonos que no volume III toca esta casa señorial. Segundo este autor trátase dun escudo cuarteado. No superior esquerdo aparece unha árbore e un can pasante, que el interpreta como a divisa dos Cao-Cordido, no superior dereito  vemos unha torre almenada, que na súa base ten unha lúa con tres estrelas, divisa dos Pillado de Luaces, no inferior esquerdo podemos ve-la aguia dos Pardo ( que tamén vale para os Aguiar) e no inferior dereito a cruz coas vieiras, emblema  dos Ribadeneira. Yebra, á hora de falar do que rodea o escudo di: “ al jefe se asienta un yelmo, un poco caprichoso, con mirada a la izquierda y reja abierta, lo rodea una forma original de cuatro palmas. A esta adarga la bordea un juego de lambrequines de forma vegetal”.(Yebra, 2005, p.224). Na punta do escudo podemos ler unha cartela que pon: “estas armas y apellidos son de los Pillados Caos y Cordidos Rivadeneira. 1761”.

A familia que ocupaba a casa cando se realiza o escudo era a formada polo matrimonio de don Diego Pillado de Luaces e Pardo Ribadeneira e dona Gabriela González Ribadeneira e Cao de Cordido, ambos fidalgos e residentes na casa de Sieiro de Marzán.
A dona da casa, que herdara de seu pai, era dona Gabriela, mentres que don Diego viñera dende Nois a casarse e vivir no barrio de Marzán.

Dona Gabriela González Ribadeneira e Cao de Cordido.

Era esta señora filla de don Francisco Cao de Cordido e dona Gabriela González Villarmea Santar e Sánchez Ribadeneira, ambos “señores de las casas de Sieiro, en Marzán, feligresía de Foz y de la casa do Pazo de Sumoas, Xove”(Yebra,2005,p. 224).

Francisco Cao de Cordido nacera na parroquia de Foz o día 15 de abril de 1686, casará o 23 de setembro de 1716 con Xosefa Gabriela González Villarmea Santar e Sánchez Ribadeneira, tamén veciña de Foz. Deste matrimonio nacen os seguintes fillos: Francisco, que acabará escollendo o mundo eclesiástico. Carlos, Xoán, Tomás, Rosa e Xosefa, que acabará casándose con seu primo, tamén chamado Francisco Cao de Cordido. Gabriela, casada con Diego Pillado
Francisco Cao de Cordido, que aparece como fidalgo nos padróns de San Martiño dos anos 1723, 29, 32, 35 e 38, era fillo de Alonso Cao de Cordido e de Antía Vázquez Villarino. A súa vez era neto de Andres Cao de Cordido e de María Basanta, emparentando cos Basanta de San Martiño.

Diego Pillado de Luaces e Pardo Ribadeneira.

Este nace o 27 de outubro de 1696 en Nois, sendo seu padriño o cura da citada parroquia, Fernando Teijeiro Balmonte e Aguiar. En 1722 continuaba vivindo na casa de Nois xunto con súa nai. Abandona esta casa cando casa, o 15 de xaneiro de 1731, con dona Gabriela, sendo nese momento cando se traslada a Marzán.
Diego Pillado era fillo de Bernardo Pillado Luaces e Cordido, nado en Santa Cruz do Valadouro, o 19 de decembro de 1649 e de Michaela de Andrade Pardo e Ribadeneira. Segundo atestigua Antón Rodríguez Baixeras, no seu traballo titulado “Historia de la Casa-Torre y vínculo de Covas, en Nois”, a relación entre os Pardo de Nois e os Pillado de Santa Cruz nace co matrimonio de Antón Pillado e María Pardo, tía de Micaela.
Do matrimonio  de Bernardo e Micaela, que tivo lugar o 5 de maio de 1681, nacen os seguintes fillos:
Francisco, nado o 31 de xaneiro de 1684. Antón, que tomará os hábitos, no ano 1772 atopámolo “residente en la corte romana desde hace algunos años y a la pretension de que su Santidad Nuestro mui Santo Padre le confiera alguna prebenda, beneficio o renta con los que pueda hacer frente a los rigores economicos por los que pasa su familia”. Gaspar, que no ano 1722 aparecía nos padróns como ausente deste Reino.
Os dous fillos menores son Diego e Andrea, en 1722 estaban solteiros e vivindo con súa nai. Na documentación oficial remitida á Real Chancelería de Valladolid o cura párroco de Nois denominaba a dona Micaela como “una viuda honesta y recogida y que no se halla con caudal bastante para sustentarse conforme a su calidad y por esta razon se halla en casa con dos hijos sin poderles dar estado” (fol 44).
Esta afirmación do cura, referente ao escaso poder económico desta familia, tamén se recolle no testamento de dona Micaela, outorgado o 6 de novembro de 1724, no que cando fala dos seus fillos menores (Diego e Andrea ) di: “que los sobredichos mis amados yxos abra como cosa de diez o doce anos atendiendo a que lo corto de mis rentas y caudal no daba lo bastante para mantener a los tres con alguna decencia honesta a nuestra calidad de su buena ynclinazion an llebantado su labranza en este lugar buscando bueis, carro y mas necesario para ella a consta de su yndustria y buena ynclinazion la qu eoy en dia tienen en pie a consta del afan y trabajo de sus propias manos como he spublico y notorio por lo que lo dejo asi declarado para no perjudicarles” (Baixeras, p. 104).
Debemos de quedar con esta anotación porque será o que explique o que vai a suceder.

Se nos fixamos na cartela inferior do escudo podemos ler a data de 1761. Resulta curioso que se mande esculpir ese escudo despois de levar o matrimonio 30 anos casados e vivindo nesa casa.
Para min ese escudo ten un significado claro, amosar publicamente a fidalguía dos residentes nesa casa. Polo tanto algo tivo que acontecer para motivar a necesidade de colocar un escudo señorial na casa.


O que aconteceu tivo lugar no ano 1754. Nesa data Xoán da Fraga, encargado de realizar o padrón de peiteiros, e o xuíz de Foz, Xoán Díaz de Ribadeneira, anotan ao mencionado Diego Pillado no estado peiteiro, tendo, polo tanto, a obriga de pagar impostos.
Tal vez a razón de anotalo no padrón peiteiro a haxa que buscar no traballo físico que tivera que realizar, xunto coa súa irmá, para poder manterse eles e súa nai. Sexa como fose Diego Pillado solicita á Real Chancelería de Valladolid se lle expida unha executoria de fidalguía. O día 3 de outubro de 1757 os veciños da parroquia de Foz son reunidos “en el sitio qu enombran Pradovello, en la feligresia de Santiago de Foz, jurisdicion del mismo nombre, en cuia parte y lugar según derecho y costumbre se convocan los vecinos de ella a modo de Concejo”, para que escoiten a Real Provisión que nomeaba a Diego Pillado como fidalgo.
Penso que o padrón que se realiza a fins do ano 1760 foi a escusa que motivou que Diego Pillado mandase colocar o escudo familiar na súa casa. No século XVI, nos moitos expedientes de fidalguía que levamos lido, os fidalgos alegaban, para demostrar a súa fidalguía, que cando se viñera a recadar tal ou cal imposto os recadadores non pararan na súa casa, pasando de largo, xa que nela non podían recadar ao ser fidalgo. Pois ben eu penso que o escudo de Diego Pillado responde ao mesmo, que era unha forma de amosar aos veciños que el era fidalgo e que polo tanto non tiña que pagar imposto algún.

Por se alguén lle interesa, debemos de dicir que do citado matrimonio de dona Gabriela de don Diego Pillado naceron os seguintes fillos:

Luisa Andrea, nada o 28 de novembro de 1732, casará con Antón Salgado de Cora, veciño de San Xián de Cabarcos, quedando viúva pouco antes do ano 1788.

Diego Francisco, nado o 27 de febreiro de 1734, herdará o vínculo, quedando coa casa de Sieiro á morte de seus pais. Non chegou a casar e así vemos que no testamento de súa nai dise: “ se conservo celibato en sociedad de su madre”. Sabemos que o 26 de xuño de 1754 estaba estudando gramática na vila de Mondoñedo.

María Xosefa, nada o 30 de xaneiro de 1736. En 1772 aparece xa casada con Pedro Pérez Villarmea, veciño de San Miguel de Reinante, do que xa estaba viúva en 1788.

Pedro Francisco, nado o 17 de febreiro de 1738. En 1772 será desmellorado por seu pai xa que estaba ausente do Reino e non se sabía nada del.

O día 24 de febreiro de 1772 morre Diego Pillado, pouco antes fixera testamento ante o escribán Francisco Martínez, veciño de Villaselán. Na súa partida de defunción o cura párroco anotaba que pertencía a unha “familia rica y opulenta de vienes muebles y raices, siendo la casa que mas sobresalia de toda la parroquia”. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario