Buscar este blog

martes, 26 de abril de 2016

FILÁNTROPOS FOCENSES: Antón Rodríguez Bolaño e Xosé Méndez Valiño


Neste artigo de hoxe imos falar de dous homes de Foz que teñen en común a súa filantropía polo concello e a súa riqueza producto da emigración. Son os casos de Antón Rodríguez Bolaño, de Marzán  e Xosé Méndez Valiño, de San Martiño de Mondoñedo.

O día 3 de xuño de 1828 soterraba en dentro da igrexa de Santiago de Foz, “junto al altar de los Dolores” o cadáver de Antón, solteiro, fillo lexítimo de Diego Rodríguez Bolaño e de María Fernández, ambos veciños de Marzán.

O caso de Antón Rodríguez Bolaño é un dos moitos exemplos que na nosa Galicia temos de emigrados retornados que tiveron a ben compartir parte da súa riqueza coa xente do concello que os veu nacer.

O noso protagonista redacta o seu primeiro testamento o día 29 de setembro de 1825 ante o escribán de Mondoñedo Ramón María Seijas. Posteriormente, o día 6 de setembro de 1827, realiza un novo codicilio ante o escribán Xosé Pérez de Posada, “por lo que dispuso de su crecidisima y singular riqueza que trajo del Reyno de Buenos Aires”.

No seu testamento aparecen unha serie de mandas, entre elas destacamos a que estipula que o  día do seu soterramento deben de acudir doce sacerdotes, incluído o cura párroco de Foz.

Tamén estipula que se deben celebrar 100 misas votivas pola súa alma e pola de seus pais. Outras tres misas deben ser rezadas e ditas “cuando esté en la Agonía de la muerte ó al día siguiente en el Altar de pribilegio de esta parroquia pagandose de ofrenda al señor cura lo que se acostumbra”. Inmediatamente posterior á realización das honras debe de dicírselle un novenario que contará coa asistencia de tódolos curas da parroquia, “que en la actualidad son seis”.

Ordena que se lle digan 100 misas no convento de Alcántara de Mondoñedo e outras 100 no convento de San Francisco de Arbón. Estipula que se digan 39 misas a San Antón de Pádua, a San Xosé, San Martiño, San Miguel, Santiago, San Lourenzo, Nosa Señora das Dores, Santísimo Cristo da Agonía, Nosa Señora do Carme, Nosa Señora dos Remedios, Nosa Señora do Rosarios, Nosa Señora da Caridade, Anxo da súa garda.

Tamén manda que se lle digan no convento dos Picos “dos funciones de entierro y honrras”.

Aos pobres da parroquia de Foz déixalles a cantidade de 2000 reais.

Aos pobres de San Martiño, Fazouro e Vilaronte 1800 reais, tocándolle 600 a cada unha das parroquias, cantidade que será repartida polos curas párrocos.

Ao cura da parroquia de Foz mándalle 1000 reais “para que diez muchachos de ella, que aprendan algun oficio util a ellos y a la republica que serviran para los instrumentos de su oficio cuando estén aprendidos”.

Os seus parentes pobres reciben outros mil reais.

Seu irmán, Xosé Rodríguez Bolaño, recibira había varios meses a cantidade de 200 ducados “para gratificar con su producto invertido el capital en finca capaz de proporcionar a los niños que mas se abentagen cada año en la escuela de primeras letras de esta parroquia, sufriendo los aspirantes al premio el examen al que asistirán el señor cura parroco, los sacerdotes que haya en la parroquia, el señor Juez y Procurador, queriendo asistir y cualquiera de sus parientes y consanguineos encargandoles á unos y á otros la Justa distribucion cuio examen y distribucion se ha de verificar e uno de los dias del mes de octubre de cada año”.

Tamén ordena que na festividade de San Lourenzo “compatrono de esta parroquia se predique todos los años un panegririco y consiguiente á este religioso pensamiento quiere y manda que sus albaceas con interbencion del señor Cura y á espensas de doscientos ducados que á este fin consigna compre fincas capaces de costear estos gastos y lo sobrante lo aplica a la fabrica de esta Yglesia siendo de cuenta de ella la administracion de las fincas”.

Algo tamén típico neste tipo de doazóns, que neste caso xira entorno á igrexa parroquial de Foz, é a fundación dunha capelanía. Polo tanto solicitara e conseguira o beneplácito do bispo de Mondoñedo para fundar unha capelanía “dentro de esta Yglesia y en su colateral de Nuestra Señora de los Dolores, para que a titulo de ella pudiese ordenarse y ascender al estado sacerdotal cualquiera de su linage con las clausulas alli espresadas y con la precisa obligacion de que el capellan habia de descargar doce misas anuales en todos los viernes primeros de cada mes y que en los dias de precepto de oir misa particularmente los dispensados la habia de celebrar, por si o por otro en el dicho altar de los Dolores a las cinco y media de la mañana en tiempo de verano y a las seis y media en tiempo de inbierno. Mas por el codicilio rebocó dicha fundacion reduciendola a un anibersario lego con carga de cincuenta misas anuales”. Pode que nos sorprenda, a min polo menos si, o horario de misas, bastante intempestivo.
Tendo en conta a pobreza reinante en Foz e o estado lamentable da igrexa o filántropo focense ordenaba que “ademas de otros ausilios que en otro tiempo ha suministrado desde el Rio de la Plata, en el año pasado de mil ochocientos veintitres carta fecha y firmada de su puño y letra en los veinte y ocho de noviembre del referido año remitió a la plaza de Gibraltar dos mil noventa y nueve cueros de pelo facultando a un sugeto de su confianza para la venta”. Os cartos que se sacasen desta venta serían repartidos da seguinte maneira: unha metade destinaríase para o arranxo da igrexa e a outra sería dedicada para o pago de once misas anuais.

O segundo dos nosos filántropos focenses é Xosé Méndez Valiño.

Este veciño de San Martiño  morre na súa parroquia natal o día 14 de xuño de 1928, ás 10.30 da noite, tal e como figura na súa partida de defunción redactada polo xuíz suplente de Foz, Balbino López Rodríguez, e polo secretario suplente, Eliseo Blanco Muinelo. Segundo se menciona na partida de defunción Xosé Méndez, que contaba con 62 anos de idade, estaba solteiro e era fillo de Xoán Méndez e Ramona Valiño “domiciliado en Román, de dicho San Martín, de profesión propietario”. A causa da súa morte debeuse, segundo figura na certificación facultativa a “consecuencia de una tuberculosis pulmonar e intestinal”.

Xosé Méndez outorgaba testamento no mes de xuño dese ano de 1928 ante o escribán de Mondoñedo, Xosé Barja.


O día 21 de xuño o xornal El Orzán daba conta da súa morte. A mesma noticia aparece no xornal Vida Gallega, o día 30 de xuño de 1928, neste artigo dise que falecera “en su casa de San Martín el rico indiano don José Méndez Baliño”. O xornal que máis información apunta é El Heraldo Gallego, no que, o 22 de xullo podemos ler unha noticia sobre a morte deste home do que nos din que “de muy joven había emigrado a la isla de Cuba, donde, a fuerza de laboriosidad e inteligencia; supo conquistarse una posición económica enviable”, afirma tamén que no seu testamento deixara unha cantidade de cartos para “la construcción de un lavadero público en Villajuan” así como outra cantidade de cartos para a construción de “una fuente cerca de la iglesia parroquial de San Martin de Mondoñedo”.

sábado, 23 de abril de 2016

CASAS FIDALGAS DE FOZ. SIEIRO. MARZÁN.






En Marzán hai dúas casas brasonadas, a que coñecemos como A Casa Grande de Marzán, vinculada á familia Rebellón e a casa de Sieiro, sita no lugar do mesmo nome e vinculada á familia dos Pillado.
Nesta última podemos ver un escudo coa seguinte lenda: “Estas armas y apellidos son de los Pillados Caos de Cordidos i Ribadeneiras. Ano de 1761.
Polo de agora, polo menos que eu coñeza, este escudo foi estudado dúas veces, unha por  Vázquez Seijas e outra por Antonio Yebra.
Vázquez Seijas incluíao na súa monumental obra titulada Fortalezas de Lugo y su Provincia, no volume VI, páxina 129 e seguintes. Esta investigación resultou ser bastante pouco profunda, na que comete o erro de confundir o apelido Cao, que figura no escudo, ao que el traduce como Cavo.

A segunda obra é a escrita por Antón Yebra de Ares e titulada Pazos y señoríos de la Provincia de Lugo, nela atopámonos que no volume III toca esta casa señorial. Segundo este autor trátase dun escudo cuarteado. No superior esquerdo aparece unha árbore e un can pasante, que el interpreta como a divisa dos Cao-Cordido, no superior dereito  vemos unha torre almenada, que na súa base ten unha lúa con tres estrelas, divisa dos Pillado de Luaces, no inferior esquerdo podemos ve-la aguia dos Pardo ( que tamén vale para os Aguiar) e no inferior dereito a cruz coas vieiras, emblema  dos Ribadeneira. Yebra, á hora de falar do que rodea o escudo di: “ al jefe se asienta un yelmo, un poco caprichoso, con mirada a la izquierda y reja abierta, lo rodea una forma original de cuatro palmas. A esta adarga la bordea un juego de lambrequines de forma vegetal”.(Yebra, 2005, p.224). Na punta do escudo podemos ler unha cartela que pon: “estas armas y apellidos son de los Pillados Caos y Cordidos Rivadeneira. 1761”.

A familia que ocupaba a casa cando se realiza o escudo era a formada polo matrimonio de don Diego Pillado de Luaces e Pardo Ribadeneira e dona Gabriela González Ribadeneira e Cao de Cordido, ambos fidalgos e residentes na casa de Sieiro de Marzán.
A dona da casa, que herdara de seu pai, era dona Gabriela, mentres que don Diego viñera dende Nois a casarse e vivir no barrio de Marzán.

Dona Gabriela González Ribadeneira e Cao de Cordido.

Era esta señora filla de don Francisco Cao de Cordido e dona Gabriela González Villarmea Santar e Sánchez Ribadeneira, ambos “señores de las casas de Sieiro, en Marzán, feligresía de Foz y de la casa do Pazo de Sumoas, Xove”(Yebra,2005,p. 224).

Francisco Cao de Cordido nacera na parroquia de Foz o día 15 de abril de 1686, casará o 23 de setembro de 1716 con Xosefa Gabriela González Villarmea Santar e Sánchez Ribadeneira, tamén veciña de Foz. Deste matrimonio nacen os seguintes fillos: Francisco, que acabará escollendo o mundo eclesiástico. Carlos, Xoán, Tomás, Rosa e Xosefa, que acabará casándose con seu primo, tamén chamado Francisco Cao de Cordido. Gabriela, casada con Diego Pillado
Francisco Cao de Cordido, que aparece como fidalgo nos padróns de San Martiño dos anos 1723, 29, 32, 35 e 38, era fillo de Alonso Cao de Cordido e de Antía Vázquez Villarino. A súa vez era neto de Andres Cao de Cordido e de María Basanta, emparentando cos Basanta de San Martiño.

Diego Pillado de Luaces e Pardo Ribadeneira.

Este nace o 27 de outubro de 1696 en Nois, sendo seu padriño o cura da citada parroquia, Fernando Teijeiro Balmonte e Aguiar. En 1722 continuaba vivindo na casa de Nois xunto con súa nai. Abandona esta casa cando casa, o 15 de xaneiro de 1731, con dona Gabriela, sendo nese momento cando se traslada a Marzán.
Diego Pillado era fillo de Bernardo Pillado Luaces e Cordido, nado en Santa Cruz do Valadouro, o 19 de decembro de 1649 e de Michaela de Andrade Pardo e Ribadeneira. Segundo atestigua Antón Rodríguez Baixeras, no seu traballo titulado “Historia de la Casa-Torre y vínculo de Covas, en Nois”, a relación entre os Pardo de Nois e os Pillado de Santa Cruz nace co matrimonio de Antón Pillado e María Pardo, tía de Micaela.
Do matrimonio  de Bernardo e Micaela, que tivo lugar o 5 de maio de 1681, nacen os seguintes fillos:
Francisco, nado o 31 de xaneiro de 1684. Antón, que tomará os hábitos, no ano 1772 atopámolo “residente en la corte romana desde hace algunos años y a la pretension de que su Santidad Nuestro mui Santo Padre le confiera alguna prebenda, beneficio o renta con los que pueda hacer frente a los rigores economicos por los que pasa su familia”. Gaspar, que no ano 1722 aparecía nos padróns como ausente deste Reino.
Os dous fillos menores son Diego e Andrea, en 1722 estaban solteiros e vivindo con súa nai. Na documentación oficial remitida á Real Chancelería de Valladolid o cura párroco de Nois denominaba a dona Micaela como “una viuda honesta y recogida y que no se halla con caudal bastante para sustentarse conforme a su calidad y por esta razon se halla en casa con dos hijos sin poderles dar estado” (fol 44).
Esta afirmación do cura, referente ao escaso poder económico desta familia, tamén se recolle no testamento de dona Micaela, outorgado o 6 de novembro de 1724, no que cando fala dos seus fillos menores (Diego e Andrea ) di: “que los sobredichos mis amados yxos abra como cosa de diez o doce anos atendiendo a que lo corto de mis rentas y caudal no daba lo bastante para mantener a los tres con alguna decencia honesta a nuestra calidad de su buena ynclinazion an llebantado su labranza en este lugar buscando bueis, carro y mas necesario para ella a consta de su yndustria y buena ynclinazion la qu eoy en dia tienen en pie a consta del afan y trabajo de sus propias manos como he spublico y notorio por lo que lo dejo asi declarado para no perjudicarles” (Baixeras, p. 104).
Debemos de quedar con esta anotación porque será o que explique o que vai a suceder.

Se nos fixamos na cartela inferior do escudo podemos ler a data de 1761. Resulta curioso que se mande esculpir ese escudo despois de levar o matrimonio 30 anos casados e vivindo nesa casa.
Para min ese escudo ten un significado claro, amosar publicamente a fidalguía dos residentes nesa casa. Polo tanto algo tivo que acontecer para motivar a necesidade de colocar un escudo señorial na casa.


O que aconteceu tivo lugar no ano 1754. Nesa data Xoán da Fraga, encargado de realizar o padrón de peiteiros, e o xuíz de Foz, Xoán Díaz de Ribadeneira, anotan ao mencionado Diego Pillado no estado peiteiro, tendo, polo tanto, a obriga de pagar impostos.
Tal vez a razón de anotalo no padrón peiteiro a haxa que buscar no traballo físico que tivera que realizar, xunto coa súa irmá, para poder manterse eles e súa nai. Sexa como fose Diego Pillado solicita á Real Chancelería de Valladolid se lle expida unha executoria de fidalguía. O día 3 de outubro de 1757 os veciños da parroquia de Foz son reunidos “en el sitio qu enombran Pradovello, en la feligresia de Santiago de Foz, jurisdicion del mismo nombre, en cuia parte y lugar según derecho y costumbre se convocan los vecinos de ella a modo de Concejo”, para que escoiten a Real Provisión que nomeaba a Diego Pillado como fidalgo.
Penso que o padrón que se realiza a fins do ano 1760 foi a escusa que motivou que Diego Pillado mandase colocar o escudo familiar na súa casa. No século XVI, nos moitos expedientes de fidalguía que levamos lido, os fidalgos alegaban, para demostrar a súa fidalguía, que cando se viñera a recadar tal ou cal imposto os recadadores non pararan na súa casa, pasando de largo, xa que nela non podían recadar ao ser fidalgo. Pois ben eu penso que o escudo de Diego Pillado responde ao mesmo, que era unha forma de amosar aos veciños que el era fidalgo e que polo tanto non tiña que pagar imposto algún.

Por se alguén lle interesa, debemos de dicir que do citado matrimonio de dona Gabriela de don Diego Pillado naceron os seguintes fillos:

Luisa Andrea, nada o 28 de novembro de 1732, casará con Antón Salgado de Cora, veciño de San Xián de Cabarcos, quedando viúva pouco antes do ano 1788.

Diego Francisco, nado o 27 de febreiro de 1734, herdará o vínculo, quedando coa casa de Sieiro á morte de seus pais. Non chegou a casar e así vemos que no testamento de súa nai dise: “ se conservo celibato en sociedad de su madre”. Sabemos que o 26 de xuño de 1754 estaba estudando gramática na vila de Mondoñedo.

María Xosefa, nada o 30 de xaneiro de 1736. En 1772 aparece xa casada con Pedro Pérez Villarmea, veciño de San Miguel de Reinante, do que xa estaba viúva en 1788.

Pedro Francisco, nado o 17 de febreiro de 1738. En 1772 será desmellorado por seu pai xa que estaba ausente do Reino e non se sabía nada del.

O día 24 de febreiro de 1772 morre Diego Pillado, pouco antes fixera testamento ante o escribán Francisco Martínez, veciño de Villaselán. Na súa partida de defunción o cura párroco anotaba que pertencía a unha “familia rica y opulenta de vienes muebles y raices, siendo la casa que mas sobresalia de toda la parroquia”. 


UN ARTISTA DO RENACEMENTO GALEGO EN FOZ: XOÁN BAUTISTA CELMA. 1575.



Hoxe imos falar de Xoán Bautista Celma, un dos grandes artistas do renacemento galego.
 Se consultamos na Wikipedia  veremos que nos di que este home “nado en Aragón cara o ano 1540 e finado en Santiago de Compostela en 1608, foi un pintor, escultor e forxador que traballou en Galicia desde 1564 ata a súa morte. Trátase dunha figura fundamental na arte do Renacemento en Galicia”.

Entre as súas obras máis destacadas figuran os púlpitos de bronce que a catedral de Santiago lle encarga realizar no ano 1564. Tras rematar este encargo marcha cara Oviedo onde tiña pendente varias obras sen realizar. En 1568 volta a Santiago, cidade na que se afinca ata a súa morte, mais este feito non lle impide ir traballar a outras cidades, iso si, os traballos que realiza fóra de Santiago teñen todos carácter puntual.

O día 27 de xullo de 1918 sacaba o arquiveiro compostelán don Paulo Pérez Constanti un interesante artigo no xornal La Vanguardia ,titulado Los pùlpitos de la Catedral  y el artista Celma.

Don Paulo realiza neste artigo unha ampla e completa visión sobre o artista. Infórmanos da súa labor como broncista, reloxeiro, pintor, entallador e estatuario. Tamén menciona os lugares onde, aparte de Santiago, realizou traballos, non imos agora facer unha relación completa deles, tan só nos interesa un que realiza entre os anos 1575 e 1576 “en 1575 y años siguientes, análogas obras en un retablo para San Félix de Solovio y otro para Santiago de Foz (Mondoñedo)”.

Obra de Xoán Bautista para a rexa do coro da catedral de Santiago de Compostela

Polo tanto o antigo retablo da igrexa de Foz, do último cuarto  do século XVI, era obra deste afamado artista.

Por que Xoán Bautista Celma acaba traballando en Foz?

Penso que a chegada a Foz de Celma débese a un contrato de traballo que  recibe do cóengo Vasco Rebellón.

Debemos agora aclarar  que é Vasco Rebellón, pero resulta que algo que semella moi sinxelo cando afondamos non o é tanto. As complicacións xorden porque este Vasco, igualmente que seu irmán Álvaro, eran sobriños doutro Vasco e doutro Álvaro. Os catro personaxes que acabo de mencionar ocuparon o cargo de chantre e cóengo da catedral de Mondoñedo e aparte dos cargos anteriores, polo menos no caso  do Álvaro maior e menor así como o Vasco menor, ocuparon o cargo de cóengos en Santiago de Compostela.

O pai dos Vasco e Álvaro menores, ambos irmáns de Diego, era Pedro Mariño de Lobeira, que residía no barrio de Marzán, en concreto na que hoxe coñecemos como A Casa Grande. Na súa fachada podemos ver como campa un escudo señorial. Escudo que vemos repetido tanto  no interior como no exterior da igrexa parroquial de Foz. Estas dúas últimas labras teñen a súa orixe no ano 1561, momento en que os irmáns Diego e Vasco Rebellón, este xa era cóengo en Santigo, fundan dentro da parroquial de Foz a capela da Concepción.

Vasco Rebellón, de igual maneira que seus irmáns, pero estes en menor medida, é un gran benfeitor da parroquia de Foz. Lembremos que foi el quen doou á igrexa de Foz o Campo da Cabana, que para quen non o saiba en 1795 din del: “todo el campo y arenal que llaman da Cabana y es de mucha extension todo a orillas de la ria, desde las viñas que se allan en este puerto (Lembremos que ata moi pouco tempo a rambla era coñecida como A Viña de Foz), asta llegar al rego nombrado de Foz, cuio Campo da Cabana se aia en la actualidad sin cultibo ni produto para su dueño, la expresada fábrica de la iglesia”.

Detalle do altar principal da parroquial de Foz
Aparte desta doazón comparte con seu irmán Diego a fundación da capela da Concepción, da que deberemos de falar máis detidamente noutro artigo.

Por qué pensamos que foi Vasco e non Álvaro Rebellón o que trouxo a Celma?.

A razón radica en que Álvaro falece o 3 de outubro de 1575 e no artigo de Constanti vemos como en 1575 Celma estaría a realizar o retablo de San Félix de Solovio.

Quédanos por saber cal é o retablo realizado por Celma. Poderíamos pensar que é o principal, pero non é así. Moi probablemente o traballo de Celma sexa o retablo da Virxe do Rosario, que atopamos en primeiro lugar na nave da dereita da igrexa parroquial de Foz.

No Inventario del Patrimonio Artístico de España. Lugo y su provincia, Tomo III, p. 125, fálasenos deste retablo do que se nos di: “procedente de la anterior iglesia de Foz”.

Non hai que esquecer que no ano 1738 comezaron unha serie de reformas dentro da igrexa parroquial que alteraron profundamente a súa estrutura, co que poderíamos dicir que é unha igrexa nova. En 1738 reedifícase o adro, constrúense novas portas. Ao ano seguinte levantaranse as paredes que circundan o adro. En 1754 realízase a oseira e no 1762 reedifícase a capela maior, dándolle maior anchura e altura, feito que obriga a levantar máis o teito de toda a igrexa. Vamos, que tralo remate das obras a igrexa de Foz semella unha igrexa nova.

Con todo isto queremos dicir que o citado retablo da Virxe do Rosario ben podería non ser obra de Celma, desaparecendo a súa creación nesas reformas estruturais que a igrexa parroquial de Foz experimenta ao longo do século XVIII.


Independentemente de si é ou non o importante radica en que no século XVI, o noso concello de Foz, podía contar entre os seus artistas a unha das figuras claves do renacemento galego, Xoán Bautista Celma.