Buscar este blog

viernes, 5 de febrero de 2016

A CASA BRASONADA EN VILAXOANE. FAMILIA LÓPEZ DE RÍO E MOSCOSO.

      Escudo da torre de Vilaxoane. Hoxe propiedade de Moncho de Redondo.

Se percorremos o antigo camiño de entrada a Foz, que cruzaba por Vilaxoane, hoxe totalmente alterado pola estrada 642, veremos que á nosa esquerda se levanta unha casa na que se agocha un fermoso escudo de armas.

Durante moito tempo esa pedra armeira chamoume poderosamente a atención. Eu descoñecía a que familia pertencía ese brasón, se ben a súa feitura semellábame ser do século XVI, outros moi semellantes abondan pola nosa Mariña.

Para solucionar esta dúbida animeime a escribirlle a un bo amigo xenealoxista que ao pouco tempo me respondeu. Resultou ser que o escudo pertencía á familia López de Río e Moscoso, en concreto mencionábame a figura de Lourenzo López de Río e Moscoso, veciño de Alcobendas, que gañaba a súa executoria de fidalguía no ano 1597. Resultou que o expediente de fidalguía podíase consultar na páxina web pares.mcu.es , o orixinal consérvase no Arquivo da Real Chancelaría de Valladolid, Rexistro de Executorias, Caixa 1834. Ano 1597.

Trala pertinente consulta puidemos saber que Lourenzo López de Río e Moscoso, veciño de Alcobendas, presentaba preito contra o fiscal do rei e contra o concello de Alcobendas. Esta denuncia tiña a súa orixe en que  el fóra incluído dentro do padrón de peiteiros e non no de fidalgos tal e como, segundo el, lle correspondía: ” siendo como era el dicho su padre hombre hijodalgo notorio de si y de su padre y aguelo y antecesores de solar conoszido (…) donde vivieron y moraron y tuvieron azienda de uno diez veynte quarenta ochenta y ciento y mas anos”.

O preito comezaba o día 11 de xullo do ano 1596 rematando ao ano seguinte. Para demostrar a súa fidalguía Lourenzo López de Río presenta as seguintes testemuñas:

Nome
Localidade
Xoán Fernández de Abelairas
Vilaronte
Pedro Rei
Vilaronte
Fernando Sánchez de Mañente
Mañente
Alonso Novo
Marzán
Xoán García
Marzán
Diego Revellón de Aguiar
San Cosme de Barreiros
Diego Arias
Viladeille. Barreiros.
Fernando Pillado. Crego
Santo Acisclo
Alonso Amor
San Martiño
María Basante, viúva de Xoán de Río
Fazouro
Roi López, escribán
Xinzo. San Martiño
Gonzalo Núñez
Vilarmea.Fazouro
Francisco Sánchez de Moscoso e Cordido. O vello
Vilela. San Martiño
Pedro González, pescador
Vilaxoane. Foz
Alonso Ramos, pescador
Marzán. Foz

Unha das testemuñas, Xoán García, di que coñecera ao mencionado Lourenzo López de Moscoso e Río “desde niño pequeño criándose en el lugar de Villajuane, en casa de su padre y ansi mismo en la villa de Rivadeo y siendo de hedad de diez y siete años, poco mas o menos, tienpo se avia ydo y ausentandose de la dicha villa a Castilla y dezian del susodicho era casado junto a la villa de Madrid en un lugar que llamavan Alcobendas”.

Lourenzo López de Moscoso era fillo de Alonso López de Moscoso, persoeiro que tamén residiu na casa brasonada de Vilaxoane, tal e como afirma a mencionada testemuña: “parte viviendo y residiendo moro en el dicho lugar de Villa Juane en casa de Lope Sanchez, su padre, y podía aver que hera casado veinte y siete anos poco mas o menos (…) despues de casado fue vezino e morador en el lugar de Villa Juane felegresia de Santiago de Foz, donde tenia muchos vienes e hazienda y casa poblada y al cabo dese tienpo el dicho Alonso Lopez de Rio y Moscoso fue desde el dicho lugar de Villa Juane a vivir y residir con su mujer e yjo a casa poblada de la villa de Rivadeo donde a esta parte vivía y residia”.

Lourenzo era neto de Lope Sánchez de Moscoso, que tamén residiu na casa brasonada de Vilaxoane. Procedía este fidalgo do solar de Río, sito no lugar de Río, parroquia de San Martiño de Mondoñedo, onde: “tenia una torre grande y casa de cantería parte de ella con unas portadas de cantería y acerca della y alderedor della un paredón y hescudo alto y almenage de piedra y en la puerta principal de la dicha torre tenia las armas del dicho solar que eran unas flores de lis y pezes y ríos y la dicha torre era ancha con sus quatro esquinas”.

Resulta moi interesante, aparte de esclarecedora, esta afirmación. Se comprobamos o escudo da casa de Vilaxoane vemos no seu cuartel inferior esquerdo as tres flores de lis dos Río, de igual maneira no cuartel superior dereito vemos os dous lobos pasantes, emblema dos López.

     En vermello o  camiño de entrada a Foz no SXVI. Círculo azul a casa de Vilaxoane.

Se ben é certo que Lope Sánchez de Moscoso procedía da casa torre de Río, tamén o é que non pertencía á rama principal, xa que a citada torre pasou das mans de Diego de Río, o vello, ás do seu fillo, Diego de Río, o novo, e posteriormente ás de Roi de Río e Moscoso, do que Xoán García dirá: “posehedor que era al presente de la dicha casa y solar de Rio por razon de ser posehedores della e hijodalgo y cavalleros principales”.

Intentaremos agora facer unha reconstrución da vida destes tres fidalgos de Vilaxoane: Lourenzo, Alonso e Lope, empezando dende a actualidade do ano 1597 e indo cara atrás.
En 1596 Lourenzo López de Moscoso e Río estaba casado e residindo en Alcobendas. Nese ano era anotado como peiteiro e non como fidalgo. Este feito agradecémolo moito xa que a reacción de Lourenzo foi solicitar un expediente de fidalguía para o que tivo que acreditar, documentalmente, a súa pertenza a unha familia fidalga.

Alonso López de Moscoso, pai do litigante, era fillo de Lope Sánchez de Moscoso e de Aldara Vázquez. Esta era criada de Lope Sánchez e servíao na casa de Vilaxoane, ambos estaban solteiros e mantiveron relacións das que nacen dous nenos: Alonso López de Moscoso e Río e Álvaro Vázquez de Moscoso.

As testemuñas do preito de fidalguía así nolo din: “tenia en su casa y servizio en el lugar de Villa Juane a Aldara Vazquez la qual ansi mysmo hera moza libre y soltera  (…) con la qual el dicho Lope Sanchez de Moscoso y Rio siendo anvos libres que buenamente se pudieran casar el uno con el otro tuvo amystad y copula carnal con la dicha Aldara Vazquez y que de la dicha amistad y ayuntamiento vio este testigo que ubieron y procrearon entre ellos por su hijo natural al dicho Alonso Lopez de Rio y Moscoso padre del dicho litigante”.  Alonso e seu irmán Álvaro serán trasladados á casa torre de Río trala morte de seu pai Lope Sánchez (entorno ao ano 1547) na que viviron e foron educados por Roi de Río.

Nin Alonso, que semella selo primoxénito, nin Álvaro podían ser considerados como ilexítimos pois súa nai, Aldara Vázquez, conseguirá casar con Lope Sánchez de Moscoso para dar lexitimidade aos seus fillos e poder, polo tanto, herdar: “y al dicho Alonso Lopez de Rio y Moscoso padre del letigante le avia mejorado por el testamento al quinto de todos sus vienes los quales este testigo avia visto  partir al dicho Alonso Lopez de Rio y Moscoso con Alvaro Vazquez de Moscoso, su hermano y los susodichos savia este testigo por lo aver visto  por vista dellos. Y ansi mysmo savia que Rui Perez clerigo cura de la yglesia de Santiago de Foz” fora o encargado de casar a don Lope con Aldara “por razon de que lo dichos sus hijos quedasen legitimos lo qual avia oydo lo dicho muchas vezes”.               

 Alonso Lopez de Rio y Moscoso casará con Inés Pardo de Aguiar. O matrimonio residirá certo tempo na casa de Vilaxoane trasladándose posteriormente a Ribadeo. A razón deste traslado dánola Diego de Viladeille: “Alonso  de Rio, padre del litigante fue paje del conde de Salinas çierto tiempo y despues le dio la escrivania de la villa de Rivadeo la qual servia de quinze años aquella parte”. Pese a traballar e vivir en Ribadeo non abandonou completamente a súa casa de Vilaxoane, así nolo refire o párroco de Santo Acisclo, Fernando Pillado,: “y despues se avia ydo del dicho lugar a la villa de Rivadeo donde ansimysmo tenia vienes y azienda y despues yba y venia al dicho lugar de Villajuane”.

De Lope Sánchez de Moscoso xa temos dito que vivía na súa casa de Vilaxoane e que era un fidalgo recoñecido. Tamén temos dito que procedía do solar de Río, así nolo confirma na súa declaración Diego Arias de Viladeille que define a don Lope “se tratava como cavallero y andava muy bien aconpanado con sus criados y otras personas y bivia de su azienda”. A mesma testemuña afirmaba que don Lope era primo segundo de Diego de Río, o vello, por liña de varón.

Anteriormente mencionamos que a morte de don Lope debeu de acontecer, segundo afirman as testemuñas, no ano 1547. Iso si, con posterioridade ao 6 de maio. Nesa data aparece asinando un documento co Cabido mindoniense.  Tratábase dunha concordia que  tiña como fin acabar cos preitos que mantiña don Lope coa mesa capitular en relación a uns terreos de Vilaxoane: “con sus casas, torre y heredades que el Cabildo había aforado a sus antepasados (...) convinieron en que el Cabildo renunciaría a cualquier derecho que pudiere tener en la casa, torre y heredades, amoldándose al foro antiguo y contentándose con los 300 maravedís anuales ”.[1] O documento orixinal dinos o nome do pai de Lope: “el lugar que agora llieba en Villa Juane con sus casas e torre e guerta e viñas y heredades segun quedo de Rodrigo Sanchez de Moscoso, su padre”.[2]

O Cabido afirma que don Lope non pagara os 300 marabedís que tiña que abonar por esta propiedade. El pola súa banda alegaba que non toda a facenda era do Cabido: “que tan solamente hera dellos e de su mesa capitular la casa del forno questa fuera de la cerca que quedo de la señora Belinda Lopez, su abuela e testa en la torre e nel Loureiro grande e en el camino por arriva”, este mesmo camiño aparece un pouco máis adiante como “el camino que sale de Villa Juane e ba para Marçan”.

    Expediente de Lourenzo López de Río e Moscoso. Foto de pares.mcu.es

O canon de 300 marabedís como pago desas propiedades permítenos saber quen era o antepasado deste Lope Sánchez de Moscoso. Segundo nos informa o texto anterior don Lope era fillo de Roi Sánchez de Moscoso e neto de Belinda López. Mais se nos fixamos no pago 300 marabedís podemos afirmar que a casa brasonada de Vilaxoane pasara a formar parte da familia dos López Moscoso e Río aló polo ano de 1445, en concreto o día 6 de novembro. Afirmamos isto porque hai documento redactado nesa data polo cal o Cabido mindoniense da en foro estas propiedades a Vasco López de Río e a súa dona Sancha Vázquez, que reciben: “a foro perpetuamente juro de herdade a vos Vasco Lopes de Moscoso, fillo de Lopo Sanches de Noys que presentes estades et a vosa muller Sancha Vasques de Lobeyra absente et a todas as vosas voses as casas con suas vinnas et herdades et muynno et jures et pertenenças que esta enno lugar de Vilajuane con todas suas entradas et saydas et dereytos et voses que estan enno lugar de Vilajuane (...) segundo as lebou Ruy Fernandez, mestreescola que fuy de santa iglesia et despoys Dominigo Branco clerigo et despoys don Pedro, bispo de Mondonnedo (...) por foro et censo a nos ou que for noso mayordomo en cada dia de San Martinno de novembro tresçentos morabentinos de moeda vella[3].

A mencionada Sancha Vázquez de Lobeira[4] era filla de Pedro Mariño de Lobeira, deán da catedral de Mondoñedo. Podemos corroborar esta afirmación trala lectura dun documento oficial datado o 25 de xullo de 1447 no que lemos ler: “cabildo et o dito Vasco Lopes sobre o foro das casas et vinnas de Vilajuane que le avian aforado vivente o dean Pedro Marinno, seu sogro, por trescentos morabetinos vellos”. 

Cando Alonso López de Río e Moscoso marchou a Ribadeo a casa de Vilaxoane quedou habitada, lembremos que as testemuñas afirman que el acudía moitas veces a esta casa. Pero non sabemos que pasou trala morte deste home. O seu fillo, residente en Alcobendas, non puido facerse cargo da casa. Este feito fainos pensar en que, tal vez, algún primo ou parente, pertencente á liña Moscoso e Río se fixo cargo da casa pasando a vivir nela.



[1] Cal Pardo, H.: Mondoñedo en el siglo XVI. Nº 3516, páx. 758.
[2] ACM. Doc. Soltos A 9, E 1, L 1 nº 37.
[3] Cal Pardo, H.: Tumbos da Catedral de Mondoñedo. Tumbo Pechado. Nº 398, páx. 356.
[4] Sobre Pedro Mariño de Lobeira, deán da catedral de Mondoñedo consultar Cal Pardo, H.: Tumbos da catedral de Mondoñedo. Tumbo Pechado. Grazas á documentación consultada sabemos que o citado deán estaba vivo o 6 de novembro de 1445 atopándonos a primeira referencia á súa morte o 16 de maio de 1446”pertesçentes segundo que son et perteesçen ao dito cabiido a qual dita administraçon vacou por morte de Pedro Marinno dean”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario