Buscar este blog

lunes, 18 de enero de 2016

BIEITO COUTO PULIDO. TABAQUEIRO FOCEGO EN CIENFUEGOS.

      Centro Galego de Cienfuegos, un dos seus socios foi Bieito Couto Pulido, nado en Foz.

Recentemente aparecía publicado no xornal La Voz de Galicia, un interesante artigo sobre o papel que xogaron certos mariñáns nas fábricas de tabacos cubanas.[1] Se ben o artigo se centraba na figura do tabaqueiro Pedro Moreda Debén, natural da parroquia da Devesa, mencionaba a outros tabaqueiros “de A Mariña alcanzaron también fama y fortuna. Entre otros, Pedro y Félix Murias, de A Devesa; Inocencio Aguiar, de Rinlo; Francisco F. Rocha, de San Miguel y Reinante; Antonio Villamil, de Vilaodrid; o el ortigueirés Pancho Pego Pita”. Esta presenza mariñán nas fábricas de tabaco cubanas provocou “un factor de atracción para otros emigrantes de A Devesa, Rinlo, San Miguel, Reinante o Ribadeo, que marchaban para Cuba con trabajo garantizado. Eso contribuyó a que mantuviesen con sus empleadores una relación basada en la amistad pero también en el agradecimiento y el clientelismo”. Moitas familias da Mariña contan con emigrantes entre os seus antepasados, no meu caso concreto meus dous bisavós estiveron en Cuba, un embarcado e outro que estivo alí emigrado algo máis de dous anos. Este bisavó meu era Ramón Pacios Rocha, natural de San Miguel de Reinante, probablemente emparentado con Francisco Rocha, de San Miguel, que se menciona na relación de tabaqueiros mariñáns.

Non imos falar aquí de Pedro Moreda Debén xa que no artigo aparecido no xornal La Voz de Galicia esta figura está perfectamente estudada.

Pero si falaremos de Bieito Couto Pulido. O nome deste focego non aparece na relación de tabaqueiros mariñáns que o artigo de prensa menciona, pero iso non quere dicir que non existise.

A familia Couto Pulido.
Dela sabemos moi poucas cousas. Sabemos que estaba  composta polos irmáns Bieito, Francisco Lois e Carlos.

Francisco Lois Couto Pulido, natural de Vilaronte, estaba casado con Aurora Samaniego Fernández, natural de Forxán. Deste matrimonio naceron nove fillos: Ponciano, Francisca, Modesta, Crisanto, Aurora, Eugenia, Fortunata, Francisco e Antonio. Desta relación destacamos o nome de Modesta da que falaremos posteriormente.
    Rúa Santa Isabel, en Cienfuegos, na que estaba a fábrica de tabacos Niña Ana.
Francisco Lois era representante de varias entidades bancarias. Cargo que herdará o seu fillo Crisanto. No xornal El Progreso (22/01/1922) menciónase o matrimonio de Antón Couto Samaniego con Francisca Rodríguez Vázquez, ela era filla de “doña Rosina, del comercio de Foz”, mentres que Antón era, como xa sabemos, irmán de Crisanto do que se nos di que “era representante de diversas entidades bancarias en aquella plaza marítima”.

Francisco morre no ano 1927, sabémolo porque no xornal El Progreso (06/10/1928) aparece a noticia de que se celebrara o primeiro cabodano “del que en vida fue prestigioso propietario, don Francisco Couto Pulido, habiendo concurrido a dichas honrras fúnebres multitud de personas”, tal vez porque daquela Crisanto Couto era o alcalde de Foz.

Carlos Couto Pulido estivera emigrado na illa de Cuba da que volta a principios do século XX. Sabemos isto porque en 1903 casa na parroquia de San Martiño de Mondoñedo coa súa sobriña Modesta, filla de seu irmán Francisco.
Carlos aparece como suplente do xuíz municipal no ano 1915, en 1920 aparece como suplente do fiscal, cargos que nos fan pensar que posuía certos estudos de dereito. Seu fillo Ramón acabará licenciándose en dereito pola Universidade Central.
En 1921 o xornal El Ideal Gallego publicaba a relación de nomes dos vogais da xunta de primeira ensinanza entre os que destacamos os de Carlos e Modesta.
Que Carlos estivera emigrado en Cuba queda patente na casa que levanta no ano 1912, a coñecida como Villa Modesta, e que se pode ver á entrada de Foz vindo dende Vilaxoane. No libro Casas de Indianos, que a Xunta de Galicia publica no ano 2000, podemos ver que se fala dela (páxinas 387 a 390, a ficha foi realizada polos irmáns Xulio e Alberte Peinó Álvarez). Na mencionada ficha dise que o promotor era “ Carlos Couto Pulido, emigrado en Cuba”.
O outro dato que nos anima a pensar que Carlos estivera emigrado en Cuba é que seu irmán Bieito era o dono dunha das moitas fábricas de tabaco existentes na illa de Cuba.

    Caixa de puros Niña Ana, da fábrica levantada por Bieito Couto.
Se consultamos a páxina web de Juan Alberto Berni sobre a colección de vitolas poderemos ver un interesante artigo sobre os tabaqueiros españois na illa de Cuba. Na relación que este home fai aparecen aparte dos xa mencionados no artigo da Voz os seguintes nomes: “Los hermanos Pita, Alfredo Nogueira con marcas como El Veguero, Silvana o Printz Heinrich, entre otras, Benito Couto, propietario de la marca de cigarrillos Niña Ana, en Cienfuegos, Ramón Prieto Murias con su marca La Manteiga, Felix Murias, fundador en 1881 de la marca La Devesa, posteriormente adquirida por Pedro Murias, y un largo etcétera”[2]. 

Cando soubemos da existencia de Bieito Couto Pulido na illa de Cuba dedicámonos a buscar polos periódicos dixitalizados na rede algunha que outra noticia deste home. Grazas a estas pescudas atopamos un artigo no xornal La Ilustración gallega y asturiana (18/06/1881) no que se nos di que “La socciedad benéfica de naturales de Galicia y oriundos de Galicia, establecida en Cienfuegos, renovó en sesión general, del día 15 de mayo, su junta directiva”. Entre os distintos vogais que aparecen destacamos o nome de Bieito Couto Pulido, como director da fábrica de tabacos Santa Isabel.

Esta Sociedade Benéfica de Naturais e Oriundos de Galicia aparte de levar a cabo obras culturais, benéficas e manter vivos os contactos entre os galegos emigrados en Cuba é a responsable do xornal El avisador galaico, que sae á rúa no ano 1876, converténdose no “primer periódico que circuló en la isla en habla gallega[3].

No ano 1884 o xornal Diario de Lugo (06/07/1884) da a noticia da concesión á fábrica que rexente Bieito , por Real Orde do 15 de abril, da honra de ser: “proveedor de la Real Casa y el uso del escudo de armas reales en la muestra, facturas y etiquetas, al laborioso e inteligente propietario de la fábrica de tabacos nombrada Niña de Ana, sita en Cienfuegos, calle de Santa Isabel nº 8, Isla de Cuba, don Benito Couto Pulido, justo distintivo que premia las acreditadas dotes de honradez que adornan al distinguido industrial gallego, hijo de Foz”.

En 1886, no xornal El Eco de Galicia (14/11/1886) podemos ler que en Cienfuegos estábase a traballar para un Centro Galego de Beneficencia, Instrución e Recreo, igual ao que xa existía na Habana: “esa nueva asociación gallega, que será única en Cienfuegos, puesto que en ella se refundirán el coro Gloria a Galicia y los elementos de la extinguida Socciedad Benéfica Gallega, promete grandes esperanzas”. No listado de persoeiros que desexan participar na creación deste Centro aparece o nome de Bieito Couto Pulido.

O día 1 de agosto de 1889 o xornal La Correspondencia de España publica a seguinte noticia: “se han declarado en huelga los operarios de la fábrica de tabacos Santa Isabel, sin haber hecho demostración alguna hostil”. Como podemos comprobar na prensa refírense á fábrica de tabacos de Bieito Couto indistintamente co nome de Niña Ana ou Santa Isabel.

Nada máis sabemos da vida de Bieito Couto, tal vez o negocio deixou de ir tan ben como ía e se viu obrigado a vender a súa propiedade. Na foto que ilustra este artigo vemos que a fábrica de tabaco Niña Ana pertence a J. Fernández García. Consultamos sobre este home na páxina de Juan Alberto Berni e non atopamos nada, razón pola cal decidimos mandarlle un correo solicitándolle información sobre este home e a marca Niña Ana. A súa resposta foi a seguinte: no tengo nada en mi colección sobre J. Fernández García o sobre la marca Niña Ana. Todo indica que debió ser una marca de cigarros de carácter local o en cualquier caso pequeña, de las miles que se dieron en Cuba, donde se desarrollaron multitud de pequeños talleres artesanales o “chinchales”, que elaboraban cigarros puros”.








[3] Sueiro Rodríguez, Victoria María.: Composición social y caracterización de las principales sociedades culturales y de instrucción y recreo en la región de Cienfuegos entre 1840 y 1899, páxina 333.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada